Ganímedes: a lúa máis grande

Créditos da imaxe: NASA, JPL, sonda espacial Galileo
Explicación: a que se parece a lúa máis grande do Sistema Solar? A lúa Ganímedes de Xúpiter, incluso máis grande que Mercurio e Plutón, ten unha superficie xeada zarrapicada con brillantes cráteres novos que se sobrepoñen co terreo máis escuro e con cráteres máis vellos, amalloado con canles e cristas. O gran accidente circular da parte superior dereita, chamado Galileo Regio, é unha rexión antiga de orixe descoñecida. Cóidase que Ganímedes ten unha capa oceánica que contén máis auga cá Terra e podería conter vida. Ganímedes, como a Lúa terrestre, mantén a mesma faciana cara ao seu planeta central, neste caso Xúpiter. A imaxe publicada foi tirada hai uns 20 anos pola sonda espacial Galileo da NASA, que rematou a súa misión mergullándoxe na atmosfera de Xúpiter en 2003. Actualmente, a nave espacial Juno da NASA orbita Xúpiter e está a estudar a estrutura do planeta xigante Xúpiter, entre outras moitas características.