O Cangrexo en varias lonxitudes de onda


Créditos da imaxe: NASA, ESA, G. Dubner (IAFE, CONICET-Universidade de Buenos Aires) et al.; A. Loll et al.; T. Temim et al.; F. Seward et al.; VLA/NRAO/AUI/NSF; Chandra/CXC; Spitzer/JPL-Caltech; XMM-Newton/ESA; Hubble/STScI
Explicación: a nebulosa do Cangrexo está catalogada coma M1, o primeiro obxecto da famosa listaxe de cousas que non son cometas de Charles Messier. De feito, sábese agora que o Cangrexo é un remanente de supernova, refugallos en expansión procedentes da explosión mortal dunha estrela masiva testemuñados no planeta Terra no ano 1054 A.D. Esta ousada imaxe nova ofrece unha imaxe do século XXI da nebulosa do Cangrexo presentando unha imaxe con datos de todo o espectro electromagnético coma lonxitudes de onda de luz visible. Desde o espazo,os datos de Chandra (raios X), XMM-Newton (ultravioleta), Hubble (visible) e Spitzer (infravermello) amósanse en cores púrpura, azul, verde e amarelo. Desde terra, os datos da lonxitude de onda do radio do Very Large Array aparecen en vermello. O púlsar do Cangrexo, unha estrela de neutróns que xira 30 veces por segundo que é un dos obxectos máis exóticos coñecidos polos astrónomos modernos, é a mancha brillante preto do centro da imaxe. Coma unha dinamo cósmica, este remanente colapsado do núcleo estelar alimenta a emisión do Cangrexo por todo o espectro electromagnético. A nebulosa, que abarca uns 12 anos luz, está a 6 500 anos luz de distancia na constelación Taurus.