Cúmulo galáctico Abell 370 e máis alá


Créditos da imaxe: NASA, ESA, Jennifer Lotz mailo equipo HFF (STScI)
Explicación: a uns 4 mil millóns de anos luz de distancia, o cúmulo galáctico masivo Abell 370 semella estar dominado só por dúas galaxias elípticas xigantes e inzado de arcos tenues nesta definida instantánea do telescopio espacial Hubble. Os arcos azulados, máis tenues e esparexidos, xunto co espectacular arco do dragón de debaixo á esquerda son imaxes das galaxias que se atopan ben máis lonxe de Abell 370. Máis ou menos o dobre de afastadas, a luz que non se tería detectado doutro xeito é amplificada e retorta pola enorme masa gravitacional do cúmulo, dominado por materia escura non vista. O efecto, que aporta unha ollada sedutora das galaxias do universo temperán, coñécese coma lente gravitacional. Consecuencia da distorsión do espazo-tempo, foi predito por primeira vez por Einstein hai un século. Moito máis lonxe que a estrela de picos da Vía Láctea que está abaixo á dereita, Abell 370 pode verse cara a constelación Cetus, o Monstro Mariño. É o último dos seis cúmulos galácticos fotografados no recentemente rematado proxecto de Frontier Fields.