Achegamento por riba do solpor


Créditos da imaxe: ESA, NASA
Explicación: aí o vai! A nave de carga Cygnus foi unha visión ben recibida para os astronautas da Estación Espacial Internacional xusto hai unha semana. Lanzada tres días antes sobre un foguete United Launch Alliance Atlas V desde cabo Canaveral (Florida), a nave espacial Cygnus pertencente a Orbital ATK achegouse á Estación Espacial Internacional por riba dun pintoresco fondo do planeta Terra. O Sol estaba poñéndose por fóra da parte superior esquerda da imaxe, alumeando as nubes ben por baixo do vehículo que se achega. A nave espacial automática Cygnus foi captada por primeira vez pola cámara e despois coa Canadarm2 da estación espacial polo enxeñeiro de voo da ESA Thomas Pesquet e a comandante da expedición 51 da NASA Peggy Whitson. A comandante Whitson, unha bioquímica, vén de establecer unha nova marca estadounidense do maior número total de días no espazo. Ademais do imprescindible, a Cygnus transportou o equipamento para fornecer uns 200 experimentos científicos que están a ser dirixidos no posto remoto que orbita a Terra, do tamaño dun campo de fútbol.