O asteroide 2014 JO25


Créditos da imaxe: NASA, JPL-Caltech, Goldstone Solar System Radar
Explicación: un día antes do seu máximo achegamento, o asteroide 2014 JO25 foi rexistrado polo radar coa antena de 70 metros do complexo de comunicacións Goldstone Deep Space da NASA en California. Esta grella de 30 imaxes de radar, desde arriba á esquerda deica abaixo á dereita, desvela a forma de dous lóbulos do asteroide que rota máis ou menos unha vez cada cinco horas. O seu lóbulo máis grande ten uns 610 metros de diámetro. Na lista de Asteroides Potencialmente Perigosos, esta rocha espacial fixo a súa máxima aproximación ao noso fermoso planeta o 19 de abril, voando ben seguriño máis alá dunha distancia de 1,8 millóns de quilómetros. Iso vén a ser catro veces a distancia da Terra á Lúa. O asteroide foi unha manchiña tenue en rápido movemento visible con telescopios de afeccionado. O asteroide 2014 JO25 descubriuse en maio de 2014 no Catalina Sky Survey, un proxecto do Programa de Observacións de Obxectos Achegados á Terra (NEOs) da NASA en colaboración coa Universidade de Arizona.