Divide o Universo



Créditos da imaxe: NASA e mailo gato de Erwin Schrödinger

Explicación: xusto agora, antes de premeres o botón, son posibles dous universos futuros. Aínda que tras premer o botón vivirás só nun. O feito de premer o botón vermello da imaxe do astronauta publicada, unha versión web real do famoso experimento do gato de Schrödinger, debería transformar esa imaxe noutra do mesmo astronauta sostendo un de dous gatos: un vivo ou un morto. O momento da túa pulsación, combinada co cableado do teu cerebro e o atraso de milisegundos do teu dispositivo, todos eles conspirarán xuntos para crear un resultado dominado, potencialmente, pola aleatoriedade da mecánica cuántica. Algúns pensan que a túa decisión cuántica iniciada persoalmente dividirá o universo en dous, e que ámbolos dous universos con gato vivo e con gato morto existen en partes afastadas dun multiverso máis grande. Outros coidan que o resultado da túa pulsación colapsará os dous universos posibles en un; de xeito que non podería ter sido predito de antemán, nin ao comezo. Aínda outros pensan que o universo é clasicamente determinista, polo que ao premer o botón realmente non divides o universo, só executaches unha acción predestinada desde o comezo do tempo. Porén, no APOD coidamos que independentemente do tonto que te poidas sentir ao premer o botón vermello e en calquera dos casos de se o gato virtual aparece morto ou vivo, deberías ter un feliz 1 de abril, día dos enganos.