Paisaxe celeste do centro do Cisne

Créditos da imaxe e copyright: Robert Gendler, DSS, BYU

Explicación: esta fermosa paisaxe celeste, de pinceladas cósmicas de gas hidróxeno brillante, desprégase polo plano da nosa galaxia Vía Láctea preto do fin setentrional da Gran Fenda e no centro da constelación Cygnus o Cisne. A escena, un mosaico de 36 paneis de datos de imaxes telescópicas, abarca uns seis graos. A brillante estrela superxigante Gamma Cygni (Sadr) na parte superior esquerda do centro da imaxe atópase por diante do complexo de gas e nubes de po e eidos ateigados de estrelas. Á esquerda de Gamma Cygni, coa forma de dúas ás luminosas divididas por un longo corredor escuro de po está IC 1318 co comprensible nome popular de nebulosa Bolboreta. A nebulosa máis compacta e brillante da parte inferior dereita é NGC 6888, a nebulsosa Crecente. Algunhas estimacións para a distancia de Gamma Cygni están ao redor dos 1.800 anos luz mentres que se estima para IC 1318 e NGC 6888 un rango dos 2.000 aos 5.000 anos luz.

Rematamos a xira galega das charlas sobre o APOD do último ano en Santiago de Compostela (CSC Fontiñas, sábado 25 de marzo, ás 18:00).