A nebulosa do Cono desde o Hubble


Créditos da imaxe: Hubble Legacy Archive, NASA, ESA Procesado e licenza: Judy Schmidt
Explicación: as estrelas están a formarse neste xigantesco piar de po chamado nebulosa do Cono. Os conos, os piares e as maxestosas formas fluídas abundan nas garderías estelares onde as nubes natais de gas e po son batidas polos potentes ventos que proceden das estrelas recén nadas. A nebulosa do Cono, un exemplo ben coñecido, atópase dentro de NGC 2264, unha brillante rexión galáctica de formación estelar. O Cono foi captado nun detalle sen precedentes nesta composición en primeiro plano de varias observacións feitas desde o Telescopio Espacial Hubble, en órbita terrestre. Mentres a nebulosa do Cono, a uns 2.500 anos luz de distancia en Monoceros, ten uns 7 anos luz de lonxitude, a rexión fotografada aquí dos arredores da cabeza sen punta do cono teñen só 2,5 anos luz de diámetro. No noso recuncho da galaxia esa distancia é máis ou menos a metade de camiño entre o noso Sol e os seus veciños estelares máis achegados no sistema de estrelas Alpha Centauri. A estrela masiva NGC 2264 IRS, vista pola cámara de infrevermellos do Hubble en 1997, probablemente é a fonte do vento que esculpe a nebulosa Cono, ficando fóra da parte superior da imaxe. O veo avermellado da nebulosa Cono está producido polo gas hidróxeno brillante.

Rematamos a xira galega das charlas do APOD do último ano en Pontevedra (Casa da Luz, venres 17 marzo ás 20:00) e Santiago de Compostela (CSC Fontiñas, sábado 25 de marzo, ás 18:00).