Pan, a lúa de Saturno, desde a Cassini

Créditos da imaxe: NASA, JPL-Caltech, Space Science Institute
Explicación: por que semella tan estraña a lúa Pan de Saturno? As imaxes tiradas a semana pasada desde a nave espacial automática Cassini que está a orbitar Saturno definiron a lúa polo miúdo como nunca antes. As abraiantes imaxes desvelan unha lúa que se parece algo a un concho cun disco que o atravesa polo medio. Outros trazos visibles de Pan inclúen terreo ondulante, cristas longas e uns poucos cráteres. Con 30 quilómetros de diámetro, Pan orbita por dentro dos 300 kilómetros de anchura da división de Encke do amplo anel A de Saturno, un oco coñecido desde finais do século XIX. O mes vindeiro, a Cassini pasará directamente preto da gran lúa Titán de Saturno polo que poderá ser turrada a unha serie final de órbitas que a levarán, por unha vez, completamente por dentro dos aneis de Saturno, preparándose para se mergullar na atmosfera de Saturno.