Sol negro con eido estelar invertido


Créditos da imaxe e copyright: Jim Lafferty
Explicación: paréceche familiar esta estraña bóla escura? Nese caso podería ser porque se trata do noso Sol. Na imaxe publicada en 2012 temos unha visión solar polo miúdo que foi captada orixinalmente nunha cor moi específica de luz vermella, representada despois en branco e negro, e posteriormente invertida nas cores. Unha vez completa, a imaxe final engadiuse a un eido de estrelas, tamén coas cores invertidas. Poden verse na imaxe do Sol longos filamentos de luz, escuras rexións activas, prominencias despuntando ao redor do bordo e un manto en movemento de gas quente. A superficie do noso Sol pode ser un lugar ocupado, especialmente durante un máximo solar, o intre no que o campo magnético da superficie está alterado ao máximo. Amais dun Sol activo que é tan pintoresco, o plasma expulsado pode facerse tamén pintoresco cando impacta na magnetosfera da Terra e crea auroras.

APOD en vivo: charliña sobre as fotos do APOD do ano 2016 en Vigo e Pontevedra. En Ourense e na Coruña xa foron.