A galaxia Toniña desde o Hubble

Créditos da imaxe: NASA, ESA, Hubble, HLA; Reprocesado e copyright: Raul Villaverde
Explicación: que está a acontecerlle a esta galaxia espiral? Hai só uns poucos centos de millóns de anos, NGC 2936, a superior das dúas grandes galaxias amosadas, probablemente era unha galaxia espiral normal (xirando e creando estrelas) e ocupada nos seus propios asuntos. Pero entón achegouse demasiado á galaxia elíptica masiva NGC 2937 inferior e comezou un mergullo. NGC 2936, alcumada coma galaxia Toniña pola súa característica forma, non está a ser só deflexionada senón tamén retorta pola achegada interacción gravitacional. Un estoupido de estrelas azuis novas forma o nariz da toniña cara a dereita da galaxia superior, mentres o centro da espiral semella un ollo. Alternativamente, a parella da galaxia, coñecidas en conxunto coma Arp 142, seméllase a algo coma un pingüín a protexer un ovo. De calquera xeito, os regatos de intrincados corredores de po escuro e estrelas azuis brillantes seguen á alterada galaxia na parte inferior dereita. A imaxe re-procesada publicada que amosa a Arp 142 polo miúdo sen precedentes foi tirada o ano pasado polo Telescopio Espacial Hubble. Arp 142 atópase a uns 300 millóns de anos luz de distancia, casualmente cara a constelación da Cobra de Auga (Hydra). É probable que en mil millóns de anos máis ou menos as dúas galaxias se fusionen nunha.