A gran xira final da Cassini en Saturno

GrandFinale_Cassini_960Créditos da imaxe: NASA, JPL-Caltech
Explicación: a Cassini está a ser preparada para mergullarse en Saturno. A sonda espacial automática que estivo a orbitar e explorar Saturno durante unha década rematará a súa misión en setembro cunha espectacular caída atmosférica. Na imaxe hai un diagrama das órbitas que lle quedan á Cassini, cada unha coa duración dunha semana. Está programado que a Cassini complete uns poucos meses de órbitas que a levarán xusto por fóra do anel F de Saturno, o máis exterior. Despois, en abril, Titán darálle á Cassini un pulo gravitacional ás órbitas proximais das que a última, o 15 de setembro, impactará en Saturno e provocará que a nave espacial implosione e se funda. As órbitas do Gran Final da Cassini están deseñadas para gravar datos e imaxes por primeira vez do interior dos aneis (entre os aneis e o planeta) así como dalgunhas lúas pequenas intercaladas nos aneis. A morte da Cassini está deseñada para protexer calquera vida que poida haber ao redor de Saturno ou ás súas lúas da contaminación da propia Cassini.