Autoestrada xeoestacionaria por Orión


Créditos da imaxe e copyright: James A. DeYoung

Explicación: pon un satélite nunha órbita circular a uns 42.000 quilómetros do centro da Terra e orbitará unha vez cada 24 horas. Coñécese coma unha órbita xeosíncrona, porque coincide co periodo de rotación da Terra. Se esa órbita tamén está no plano do ecuador, o satélite pendurará do ceo sobre unha localidade fixa nunha órbita xeoestacionaria. Tal e como prediciu nos anos 1940 o futurista Arthur C. Clarke, as órbitas xeoestacionarias son de uso común para satélites de comunicacións e meteorolóxicos, un escenario ben coñexido agora para os astrofotógrafos. As imaxes fondas do ceo nocturno con telescopios que seguen as estrelas tamén poden capturar satélites xeoestacionacios reflectindo a luz solar que os fai brillar lonxe por riba da superficie da Terra. Como todos se moven coa rotación terrestre contra un fondo de estrelas, os satélites deixan ronseis que semellan seguir unha autoestrada que atravesa a paisaxe celeste. O fenómeno foi captado o mes pasado neste vídeo que amosa varios satélites en órbita xeoestacionaria atravesando a famosa nebulosa de Orión.

Charla: APOD da NASA 2016, un ano de astronomía en galego. Sábado 21 de xaneiro de 2017 en Ourense, no Ateneo (Av. Habana, 25), ás 20:00 horas.