A nebulosa da estrela chameante

ic405s_2block1024Créditos da imaxe e copyright: Adam Block, Mt. Lemmon SkyCenter, Univ. Arizona
Explicación: unha estrela fuxidía alumea á nebulosa da Estrela Chameante nesta escena cósmica. Coñecida tamén coma IC 405, as nubes inchadas de gas e po interestelar da nebulosa da Estrela Chameante atópanse a uns 1.500 anos luz de distancia cara a constelación de Auriga. AE Aurigae, a estrela brillante da parte superior esquerda do cadro. é unha estrela de tipo-O masiva e incriblemente quente que se move moi axiña polo espazo, probablemente expulsada desde unha colisión de sistemas estelares múltiplos na veciñanza da nebulosa de Orión hai millóns de anos. A radiación ultravioleta ionizante da veloz estrela, agora preto de IC 405, fornece o brillo avermellado visible mentres os electróns dos átomos de hidróxeno da nebulosa son arrincados e de novo recombinados.A súa potente luz estelar azul é reflectida polos filamentos poeirentos da nebulosa. Como todas as estrelas masivas, AE Aurigae terá unha vida curta, queimando furiosamente as reservas de combustible para a fusión nuclear e explosionando coma unha supernova. A instantánea telescópica chea de cor abarca uns 5 anos luz á distancia estimada da nebulosa da Estrela Chameante.