Arp240: unha ponte entre galaxias espirais desde o Hubble

arp240_hubblekotsiopulos_960Créditos da imaxe: NASA, ESA, Hubble Space Telescope; procesado e copyright: Chris Kotsiopoulos
Explicación: por que hai unha ponte entre estas dúas galaxias espirais? A ponte, feita de gas e estrelas, fornece unha forte evidencia de que estes dous sistemas estelares inmensos pasaron moi preto un do outro e experimentaron mareas violentas inducidas pola gravitación mutua. Coñecidas xuntas coma Arp 240 pero individualmente coma NGC 5257 e NGC 5258, as simulacións computacionais e as idades dos cúmulos estelares indican que as dúas galaxias completaron un primeiro paso achegado entre elas hai só uns 250 millóns de anos. As mareas gravitacionais non só empurraron materia cara fóra, comprimiron o gas e así provocaron a formación estelar nas dúas galaxias e a estraña ponte. Pénsase que as fusións galácticas son comúns, onde Arp 240 representa unha instantánea dunha breve etapa neste proceso inevitable. A parella está a unha distancia duns 300 millóns de anos luz e poden ollarse cun telescopio pequeno cara a constelación de Virgo. Ao final, os encontros achegados repetidos deberían resultar nunha fusión e coa aparición dunha soa galaxia combinada.