Superlúa e estación espacial

isstransit_smith_960Créditos da imaxe e copyright: Kris Smith
Explicación: que son esas manchiñas por diante da Lúa? Son siluetas da Estación Espacial Internacional (ISS). Un meticuloso fotógrafo lunar, empregando unha coidadosa planificación e unha coordinación á fracción de segundo, captou dez fotografías da ISS pasando por diante da Lúa chea do mes pasado. Pero non se trataba de calquera lúa chea; este foi a primeira de tres superlúas consecutivas en 2016. Unha superlúa é unha Lúa chea que semella un pouco máis grande e brillante que a maioría das outras lúas cheas. A secuencia de imaxes publicada captouse preto de Dallas, Texas. Hoxe temos a segunda superlúa desta serie, unha Lúa chea que é a máis grande e brillante non só do ano, senón da calquera outro ano desde 1948. Para ollar por ti mesmo a super-superlúa de hoxe só tes que saír ao exterior pola noite e mirar arriba. A terceira superlúa da serie deste ano acontecerá a mediados de decembro.