NGC 253: universo illa poeirento

ngc253hagerc1024Créditos da imaxe e copyright: Dietmar Hager, Eric Benson
Explicación: a brillante NGC 253 é unha das galaxias espirais visibles máis brillantes, e tamén unha das máis poeirentas. É chamada por algúns a galaxia do Dólar de Prata pola súa aparencia en telescopios pequenos, ou só galaxia Sculptor pola súa situación no interior da constelación meridional Sculptor. Recollida por primeira vez en 1783 pola matemática e astrónoma Caroline Herschel, o poeirento universo illa atópase a só 10 millóns de anos luz de distancia. NGC 253, cuns 70 milleiros de anos luz de diámetro, é a integrante máis grande do Grupo Sculptor de Galaxias, o máis achegado ao noso propio Grupo Local de Galaxias. Ademais dos seus corredores de po en espiral, os gabiáns de po parecen estar a saír do disco galáctico amalloados con cúmulos de estrelas novas e rexións de formación estelar nesta definida imaxe en cor. O alto contido de po acompaña a unha frenética formación estelar, gañando NGC 253 a designación de galaxia de abrocho estelar. NGC 253 tamén é famosa por ser unha fonte potente de raios X de alta enerxía e raios gamma, debidos probablemente aos buratos negros supermasivos preto do centro da galaxia.