M45: o cúmulo estelar das Pléiades

 m45_voneiff_960Créditos da imaxe e copyright: Hermann von Eiff
Explicación: algunha vez miraches o cúmulo estelar das Pléiades? Incluso se a resposta é positiva, probablemente nunca as ollaches con tanto po como desta volta. O que é quizais o cúmulo estelar máis famoso do ceo, as estrelas brillantes das Pléiades poden ollarse con prismáticos incluso desde o interior dunha cidade contaminada luminosamente. Aínda que cunha exposición longa desde un lugar escuro, a nube de po que arrodea ao cúmulo estelar das Pléiades xa se fai moi evidente. A imaxe publicada realizouse cunha exposición de longa duración e cobre unha zona do ceo equivalente a moitas veces o tamaño dunha lúa chea. As Pléiades, tamén coñecidas coma as Sete Irmáns e M45, están a uns 400 anos luz de distancia cara a constelación do Touro (Taurus). Unha lenda común cun toque moderno conta que unha das estrelas brillantes esmoreceu cando o cúmulo recibiu o seu nome, deixando só seis estrelas visibles co ollo espido. Porén, o número real de estrelas das Pléiades visibles pode ser maior ou menor ca sete, dependendo da escuridade do ceo e da capacidade de visión do observador.

N.T.: seica hai debate de se a denominación Setestrelo do galego se refire ao Carro Maior ou ás Pléiades. Nós, polo momento, decantámonos pola primeira opción, precisamente polo que se conta neste texto.