Orión dende o Herschel

orionherschel-nhsc2016-003b_1024Créditos da imaxe e copyright: ESA/Herschel/PACS/SPIRE
Explicación: esta espectacular imaxe olla no interior de M42, a nebulosa de Orión, a gran rexión de formación estelar máis achegada a nós. Empregando datos de lonxitudes de onda no infravermello desde o Observatorio Espacial Herschel, a composición en cores falsas explora a turbulenta nube cósmica a tan só 1.500 anos luz de distancia. Os filamentos fríos e densos de po que serían escuros ás lonxitudes de onda do visible amósanse en cores vermellas. Os filamentos, con anos luz de lonxitude, entretécense xuntos con manchas brillantes que corresponden a rexións de protoestrelas que están a colapsarse. A zona azulada máis brillante preto da parte superior do cadro é po máis morno quecido polas estrelas quentes do cúmulo do Trapecio que tamén alimentan o brillo visible da nebulosa. Os datos do Herschel indicaron recentemente que a luz estelar ultravioleta procedente das estrelas quentes recén nadas contribúe probablemente á creación das moléculas de hidrocarburos, bloques construtivos básicos da vida. Esta imaxe do Herschel abarca uns 2 por 3 graos do ceo ou uns 50 por 80 anos luz á distancia da nebulosa de Orión.