Un butte estratificado derrubándose en Marte

murraybutte_curiositykremer_1080Créditos da imaxe: NASA, JPL-Caltech, MSSS; recompilado e procesado: Kenneth Kremer, Marco Di Lorenzo
Explicación: que é ese estraño outeiro de Marte? O todoterreo Curiosity, rodando por Marte, acaba de atravesar un grupo deses outeiros que a NASA etiquetou coma buttes Murray. Na fotografía aparece un mosaico composto recentemente dun dos últimos buttes polos que pasou o Curiosity no seu camiño deica o monte Sharp; pero tamén un dos máis espectaculares visualmente. Os antigos estratos depositados pola auga nunha arenita relativamente densa levada polo vento, pero agora enxoita e esmiuzándose, coroan a estrutura de 15 metros de altura. O bordo do cráter Gale pode ollarse á distancia. O Curiosity continúa a amorear indicios de como mudou Marte de ser un planeta con áreas húmidas e acolledor para a vida microbiana nunha paisaxe seca, erma e enferruxada que ollamos hoxe.

VOLVE AstroGalicia16: a festa galega das estrelas. Do 7 ao 9 de outubro en Castrelo de Miño.