A Vía Láctea sobre o bosque Quiver Tree

quivertrees_breuer_1080Créditos da imaxe e copyright: Florian Breuer
Explicación: en fronte dun famoso fondo de estrelas e galaxias descansan algunhas das árbores máis raras da Terra. Coñecidas como “quiver trees” (literalmente “árbore de alxaba”), realmente son plantas suculentas das áloes que poden medrar ata proporcións parecidas ás dunha árbore. O nome quiver tree deriva do emprego histórico das súas pólas ocas coma alxabas para as frechas. As árbores, que se dan sobre todo na África meridional, aparecen fotografadas na composición superior de 16 exposicións no bosque Quiver Tree ao sur de Namibia Estímase que algunhas das árbores alxaba máis altas do parque teñen uns 300 anos de idade. Por tras das árbores está a luz procedente da pequena cidde de Keetmanshoop (Namibia). Afastada na distancia, arqueándose ao través do fondo, está a maxestosa banda central da nosa galaxia Vía Láctea. Aínda máis lonxe, visible á esquerda da imaxe, están as Nubes de Magallanes Grande e Pequena, as galaxias satélite máis pequenas da Vía Láctea que destacan nos ceos do hemisferio meridional da Terra.