Paraselenes en Alasca

moondog_saarloos_960Créditos da imaxe e copyright: Sebastian Saarloos
Explicación: que está a pasar no ceo? O luar alumea unha escena nevada nesta paisaxe celeste e terrestre nocturna feita en xaneiro de 2013 desde Lower Miller Creek (Alasca), EUA. O propio cuarto crecente da Lúa aparece sobreexposto preto do montañoso horizonte occidental, arrodeado por un halo xeado e flanqueado a esquerda e dereita por paraselenes. Chamados ás veces falsas lúas, un nome máis cientíco para as aparicións luminosas é o de paraselenes (N.T.: no orixinal inglés, úsase o termo “moondog” que non ten equivalente en galego, máis alá dun literal “cans da lúa”; polo que empregamos no título xa a denominación científica de “paraselenes”). Un paraselene, coma no caso dun parhelio (N.T.: “sundog” no orixinal ou “can do sol”), é provocado polo luar refractado ao través dos cristais de xeo delgados, hexagonais e planos das nubes cirrus altas. Tal e como determina a xeometría do cristal, os paraselenes óllanse a un ángulo de 22 graos ou máis desde a Lúa. Comparados co brillante disco lunar, os paraselenes son débiles e máis sinxelos de ollar cando a Lúa está baixa.