A galaxia agochada IC 342

IC342_castelluzzo1024Créditos da imaxe e copyright: Fabiomassimo Castelluzzo
Explicación: semellante en tamaño ás galaxias espirais, grandes e brillantes da nosa veciñanza,IC 342 está a só 10 millóns de anos luz de distancia na constelación setentrional, de longo pescozo, Camelopardalis. IC 342, un universo illa esparexido, chegaría a ser unha galaxia destacada no noso ceo nocturno, pero está agochada dunha visión clara e só se albisca ao través dun veo de estrelas, gas e nubes de po ao longo do plano da nosa propia galaxia Vía Láctea. Incluso aínda que a luz de IC 342 é atenuada polas nubes cósmicas que se interpoñen, esta fonda imaxe telescópica perfila o po escurecedor da galaxia, os cúmulos de estrelas azuis e as brillantes rexións de formación estelar rosadas ao longo dos brazos espirais que se envolven desde o núcleo da galaxia. IC 342 pode ter sufrido un recente estoupido de actividade de formación estelar e está abondo preto como para ter influenciado gravitatoriamente a evolución do grupo local de galaxias e a Vía Láctea.