Proxima Centauri: a estrela máis achegada


Mira a explicación. Preme na imaxe para descargar a versión de maior resolución dispoñible.
Créditos da imaxe: ESA/Hubble e NASA
Explicación: ten planetas a estrela máis achegada ao noso Sol? Ninguén o sabe de certo; pero agora podes seguir as frecuentes actualización dunha nova procura que se está a facer durante os primeiros meses deste ano. A estrela máis achegada, Proxima Centauri, é o membro máis próximo do sistema estelar Alpha Centauri. Á luz lévalle só 4,24 anos chegar a nós desde Proxima Centauri. Esta pequena estrela vermella, captada no centro da imaxe publicada polo Telescopio Espacial Hubble, é tan feble que só se descubriu en 1915 e unicamente pode verse por un telescopio. As puntas de difracción con forma de X creadas polo telescopio arrodean a Proxima Centauri, mentres varias estrelas máis afastadas da nosa galaxia Vía Láctea poden ollarse no fondo. A estrela máis brillante no sistema Alpha Centauri é bastante semellante ao noso Sol, coñecida desde hai moito como rexistra a historia, xa que se trata da terceira estrela máis brillante do ceo nocturno. O sistema Alpha Centauri pode ollarse fundamentalmente desde o Hemisferio Sur da Terra. O proxecto “Un punto pálido vermello” do European Southern Observatory, (ou Observatorio Europeo Meridional) iniciado a semana pasada, comezou a investigar cambios lixeiros en Proxima Centauri para saber se se deben a un planeta; posiblemente do tamaño da Terra. Aínda que improbable, se houbese unha civilización moderna que se atopase vivindo nun planeta orbitando Proxima Centauri, a súa proximidade faría unha posibilidade razoable de que a humanidade puidera comunicarse con eles.