Mirando cara M106

m106_neyer1024Créditos e copyright: Fabian Neyer
Explicación: Messier 106, unha fermosa, grande e brillante espiral, está no centro desta imaxe cósmica chea de galaxias. O campo de visión telescópica de dous graos de anchura mira cara a constelación dos dóciles Canes Venatici, preto do mango do Gran Carro. M106, tamén coñecida coma NGC 4258, ten uns 80.000 anos luz de diámetro e está a 23,5 millóns de anos luz de distancia, sendo o membro máis grande do grupo de galaxias Canes II. Para ser unha galaxia afastada, a distancia deica M106 coñécese ben en parte porque pode ser medida directamente rexistrando este destacado máser da galaxia, ou emisión láser de microondas. A emisión máser, moi rara pero que sucede de xeito natural, é producida por moléculas de auga en nubes moleculares que orbitan o seu núcleo galáctico activo. Outra galaxia espiral que destaca na escena, ollada case de canto, é NGC 4217, por baixo e á dereita de M106. A distancia a NGC 4217 coñécese moito peor, estimándose nuns 60 millóns de anos luz.