O destino da estrela Eta Carinae

etacarinae_hubble_960Créditos da imaxe: J. Morse (Arizona State U.), K. Davidson (U. Minnesota) et al., WFPC2, HST, NASA
Explicación: Eta Carinae pode estar a piques de estoupar. Pero ninguén sabe cando; poida que sexa o vindeiro ano, poida que sexa dentro dun millón de anos. A masa de Eta Carinae, unhas 100 veces máis grande có noso Sol, convírtea nunha candidata excelente para unha gran supernova. Os rexistros históricos amosan que hai uns 150 anos Eta Carinae sufriu un estoupido estraño que a converteu nunha das estrelas máis brillantes do ceo meridional. Eta Carinae, na nebulosa do Pecho, é a única estrela da que actualmente se pensa que emite unha luz láser natural. Esta imaxe que se amosa, tirada en 1996, aportou detalles novos da estraña nebulosa que arrodea a esta estrela pillabán. Agora son visibles claramente dous lobos diferenciados, unha rexión central quente, e unhas estrañas marcas radiais. Os lobos están cheos de corredores de gas e po que aborben a luz azul e ultravioleta emitida preto do centro. As marcas seguen a carecer de explicación.

Parladoiros de balde do APOD: o editor falará en xaneiro en Filadelfia e a cidade de New York
E o tradutor, proximamente en Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.