Xemínidas do sur

geminids2015_beletskyCréditos da imaxe e copyright: Yuri Beletsky (Carnegie Las Campanas Observatory, TWAN)
Explicación: a chuvia de meteoros anual das xemínidas na Terra non decepcionou, chegando ao máximo antes do mencer do 14 de decembro mentres o noso fermoso planeta se abría camiño entre o po do asteroide activo 3200 Phaethon. Captados nesta paisaxe nocturna do hemisferio sur, os meteoros flúen desde o radiante da chuvia en Gemini. Para crear a imaxe, graváronse moitas raias meteóricas durante un período de 5 horas. Na composición final foron escolmadas e rexistradas contra o ceo estrelecido sobre os telescopios xemelgos de 6,5 metros Magellan do observatorio Carnegie Las Campanas de Chile. Rigel en Orión e Sirius brillan intensamente mentres a Vía Láctea se estarrica cara o cénit. Preto de Cástor e Póllux, as estrelas xemelgas de Gemini, o radiante da chuvia de meteoros está baixo, preto do horizonte. O efecto de radiante débese á perspectiva porque as rutas paralelas dos meteoros semellan converxer na distancia. Os meteoros de Gemini entran na atmosfera da Terra viaxando a uns 22 quilómetros por segundo.