A nebulosa Cabeza de Cabalo

HorseFlame_Priego_960Créditos da imaxe e copyright: José Jiménez Priego
Explicación: a nebulosa Cabeza de Cabalo é unha das nebulosas máis famosas do ceo. Pode ollarse coma unha marca escura na nebulosa vermella de emisión do centro da fotografía superior. A forma de cabeza de cabalo está escura porque realmente é unha nube opaca de po que se atopa por diante da brillante nebulosa de emisión vermella. Esta nube cósmica, como as nubes da atmosfera da Terra, adoptou unha forma recoñecible por casualidade. Cando pasen moitos milleiros de anos, os movementos internos da nube seguramente alterarán a súa aparencia. A cor vermella da nebulosa de emisión está provocada por electróns recombinándose con protóns para formar átomos de hidróxeno. Na esquerda da imaxe está a nebulosa da Chama, unha nebulosa tinguida de laranxa que tamén contén filamentos de po escuro. Xusto abaixo e á esquerda na fotografía publicada da nebulosa Cabeza de Cabalo hai unha nebulosa de reflexión azulada que reflicte preferentemente a luz azul das nestrelas achegadas.

Relatorios gratuítos do APOD: o editor falará en xaneiro en Filadelfia e New York City
E o tradutor ao galego Dosi Veiga no Pub Airas Nunes de Santiago de Compostela, o venres 18 de decembro de 2015.