Arp 87: galaxias colisionando desde o Hubble

Arp87_Gardner_1080Créditos da imaxe: NASA, ESA, Hubble Space Telescope; Procesado: Douglas Gardner
Explicación: este baile é a morte. Ao longo do camiño, mentres estas dúas grandes galaxias fan un duelo, unha ponte cósmica de estrelas, gas e po esténdese actualmente uns 75.000 anos luz para unilas. A propia ponte é unha forte evidencia de que estes dous inmensos sistemas estelares pasaron preto un do outro e experimentaron violentas mareas inducidas pola gravidade mutua. Coma evidencia adicional, a galaxia espiral que se olla de fronte á dereita, tamén coñecida coma NGC 3808A, exhibe moitos cúmulos de estrelas novas azuis producidas nun estourido de formación estelar. A espiral retorta de canto da esquerda (NGC 3808B) semella estar envolta no material que conecta as galaxias e arrodeada por un curioso anel polar. Xuntas, o sistema coñécese coma Arp 87 e clasifícase morfoloxica e tecnicamente coma peculiar. Mentres tales interaccións se prolongan durante milleiros de millóns de anos, os achegamentos continuos deberían resultar ao final na morte dunha galaxia no sentido de que só haberá unha soa resultante. Aínda que este escenario parece peculiar, pénsase que as fusións galácticas son comúns, con Arp 87 representando unha etapa neste inevitable proceso. A parella Arp 87 está a uns 300 millóns de anos luz de distancia cara a constelación de Leo. A destacada espiral de canto do extremo esquerdo parece ser unha galaxia máis afastada no fondo e non involucrada na fusión en marcha.

Descarga o Universo: calendarios de parede do APOD 2016
18 de decembro: charliña no proxecto Escépticos no Pub, en Compostela, con imaxes do APOD. Con X. Dosi Veiga, o tradutor deste lugar.