Nebulosas de Auriga

AEaurigae_Hemmerich_960Créditos da imaxe e copyright: Fritz Helmut Hemmerich
Explicación: a antiga constelación do Carreiro (Auriga), rica en cúmulos estelares e nebulosas, cabalga alta nos ceos nocturnos do inverno setentrional. Esta fonda imaxe telescópica, composta a partires de datos de filtros de banda ampla e estreita e que abarca case 8 lúas cheas (4 graos), fachendea de parte do botín celeste de Auriga. O eido inclúe á rexión de emisión IC 405 (arriba á esquerda) a uns 1.500 anos luz de distancia. Tamén coñecida coma a nebulosa da Estrela Chameante, as súas nubes vermellas e arrevesadas de gas hidróxeno brillante están potenciadas pola estrela quente AE Aurigae de tipo-O. IC 410 (arriba á dereita) está significativamente máis afastada, a uns 12.000 anos luz de distancia. A rexión de formación de estrelas é famosa polo seu cúmulo de estrelas nova incrustado, NGC 1893, e as nubes de po e gas con forma de cágado. IC 417 e NGC 1931 na parte inferior dereita, a Araña maila Mosca, tamén son cúmulos estelares incrustados en nubes natais que se atopan lonxe máis alá de IC 405. O cúmulo de estrelas NGC 1907 está preto do bordo inferior do cadro, xusto á dereita do centro. O ateigado campo de vista apunta ao longo do plano da nosa galaxia Vía Láctea, preto da dirección do anti-centro galáctico.