O sorriso da gravidade

 cheshirecat_chandra_comp1024cCréditos da imaxe: raios X – NASA / CXC / J. Irwin et al. ; Visual- NASA/STScI
Explicación: a teoría da relatividade xeral de Albert Einstein, publicada hai 100 anos este mes, predicía o fenómeno de lente gravitatoria. E iso é o que lle dá a estas galaxias afastadas esa aparencia caprichosa, ollada ao través do espello dos datos de imaxes de raios X e visual procedentes dos telescopios espaciais Chandra e Hubble. As dúas grandes galaxias espirais do grupo, alcumado como o grupo galáctico o Gato de Cheshire, están enmarcadas suxestivamente por arcos. Os arcos son imaxes en visual de galaxias afastadas no fondo ampliadas pola masa gravitatoria da distribución total do grupo en primeiro plano, dominado pola materia escura. De feito, as dúas galaxias elípticas grandes do centro representan aos membros máis brillantes dos seus propios grupos galácticos que se están a fusionar. A súa velocidade relativa de colisión de case 1.350 quilómetros por segundo quece o ga millóns de graos producindo o brillo en raios X que se amosa en tons púrpura. Curiosado* sobre as fusións de grupos de galaxias? O grupo do Gato de Cheshire sorrí na constelación da Osa Maior, a uns 4,6 mil millóns de anos luz de distancia.

* N.T.: a palabra “curiosado” e outras referencias, chiscadelas ao mundo de Alicia nas obras de Lewis Carroll quen, por certo, era un moi bo matemático.

18 de decembro: charliña no proxecto Escépticos no Pub, en Compostela, con imaxes do APOD.