Orión nunha exposición de 212 horas


Mira a explicación. Movendo o cursor terás a versión anotada. Preme nela para conseguir unha coa maior resolución dispoñible.

Créditos da imaxe e copyright: Stanislav Volskiy, anotacións flotantes: Judy Schmidt

Explicación: a constelación de Orión é moito máis ca tres estrelas en ringleira. É unha dirección do espazo rica de nebulosas impresionantes. Para aprezar mellor esta franxa tan ben coñecida do ceo, tirouse unha exposición incriblemente longa durante moitas noites claras dos anos 2013 e 2014. Despois de 212 horas de cámara fotográfica e un ano adicional de procesado, emerxeu o collage publicado de 1400 imaxes que abarca unhas 40 veces o diámetro angular da Lúa. Dos numerosos detalles interesantes que se fixeron visibles, un que atrae particularmente ao ollo é o Bucle de Barnard, o brillante filamento vermello que se arquea cara abaixo desde o medio. A nebulosa Rosetta non é a nebulosa xigante e vermella preto da parte superior da imaxe; que realmente é a máis grande pero menos coñecida nebulosa chamada Lambda Orionis. Aínda que a nebulosa Rosetta tamén se ve: é a nebulosa branca e vermella na parte superior esquerda. A estrela brillante e laranxa xusto por riba do centro da imaxe é Betelgeuse, mentres que a estrela azul brillante da parte inferior dereita é Rigel. Outras nebulosas famosas que se poden ollar inclúen á nebulosa Cabeza de Meiga, a nebulosa da Chama, a nebulosa Pelica de Raposo e, se sabes onde mirar exactamente, a comparativamente pequena nebulosa Cabeza de Cabalo. Sobre esas tres estrelas famosas que cruzan o cinto de Orión o Cazador; nesta ateigada imaxe poden ser difíciles de localizar pero un ollo perspicaz as atopará xusto por baixo e á dereita do centro da imaxe.