Fobos: a lúa condenada de Marte

Phobos_MRO_960Créditos da imaxe: HiRISE, MRO, LPL (U. Arizona), NASA
Explicación: esta lúa está condenada. Marte, o planeta vermello que recibe o seu nome do deus romano da guerra, ten dúas pequenas lúas, Fobos e Deimos, uns nomes que derivan dos termos gregos para o Medo mailo Pánico. Estas lúas marcianas ben poderían seren asteroides capturados con orixe no cinto principal de asteroides entre Marte e Xúpiter ou quizais dalgún lugar aínda máis afastado do Sistema Solar. A lúa máis grande, Fobos, óllase de certo que é un obxecto asteroidal cheo de cráteres nesta espectacular imaxe en cor da automática Mars Reconnaissance Orbiter (Orbitador de Recoñecemento de Marte), rexistrada a unha resolución duns sete metros por píxel. Pero Fobos orbita tan preto de Marte, a uns 5.800 quilómetros por riba da superficie en comparación cos 400.000 quilómetros da nosa Lúa, que as forzas de marea gravitatoria están a turrar dela cara abaixo. Unha análise recente das longas cicatrices sinala que poden ser o resultado dun estiramento global provocado polas mareas; a forza diferencial que fai a gravidade de Marte nos lados diferentes de Fobos. Estas cicatrices poden ser entón unha fase temperá da desintegración de Fobos nun anel de refugallos ao redor de Marte.