Un bólido flamexante entre a nebulosa de Orión e Rigel

OrionFireball_Scheggia_1080Créditos da imaxe e copyright: Ivo Scheggia
Explicación: que lle está a acontecer a ese meteoro? Hai uns días, un bólido brillante foi fotografado desde a cordilleira de montañas dos Alpes en Suíza mentres flamexada polo ceo. O bólido, probablemente procedente da chuvia de meteoros das Táuridas, destacou non só polo brillante que era senón tamén pola estraña luz laranxa que creou e que durou varios minutos. Ao comezo, o brillo alaranxado fixo que semellara que o ronsel do meteoro estivera a arder. Porén, a orixe do brillo laranxa, coñecido coma unha cola persistente, non ten que ver nin co lume nin con fume que reflicte a luz solar. Máis ben, o brillo da cola persistente emanou dos átomos da atmosfera da Terra no camiño do meteoro; átomos aos que lle arrincaron un electrón e emiten luz durante a readquisición. As colas persistentes a miúdo van a deriva, polo que a longa exposición de 3 minutos captou realmente o desprazamento inicial movido polo vento destes ións que se formaron ao comezo. A imaxe publicada foi tomada cando se trataba de fotografar á famosa nebulosa de Orión, que se pode ollar na parte superior esquerda. A brillante estrela azul Rigel, parte da constelación de Orión, pode verse á dereita. Esta semana a chuvia das Táuridas, rica en bólidos, continua a estar activa aínda que xa pasou o seu máximo, mentres comeza a despuntar a máis activa chuvia de meteoros da leónidas.