AE Aurigae e a nebulosa da Estrela Ardente

FlamingStar_Vargas_960Créditos da imaxe e copyright: Jesús Vargas (Sky-Astrophotography) e Maritxu Poyal (Maritxu)
Explicación: está a arder a estrela AE Aurigae? Non. Aínda que AE Aurigae se chame a estrela ardente, a nebulosa IC 405 que a arrodea se denomine a nebulosa da Estrela Ardente e a rexión semelle ter a cor do fogo, non hai lume. O lume, definido normalmente coma a adquisición molecular rápida de osíxeno, ocorre só cando se presenta osíxeno abondo e este non é importante en contornos de enerxía elevada e baixos de osíxeno coma as estrelas. O material que parece fume é sobre todo hidróxeno interestelar, pero contén filamentos escuros parecidos ao fume polos grans de po ricos en carbono. A estrela brillante AE Aurigae, visible cara a dereita preto do centro da nebulosa, está tan quente que é azul, emitindo luz tan potente que arrinca os electróns do gas que a arrodea. Cando un protón recaptura un electrón emítese luz, tal e como se ve na nebulosa de emisión que a arrodea. A nebulosa da Estrela Ardente, fotografada enriba, atópase a uns 1.500 anos luz de distancia, abarca uns 5 anos luz e pode ollarse cun telescopio pequeno cara a constelación do cocheiro (Auriga).