M16 e a nebulosa da Aguia

M16HubbleV4-X3walker1024Créditos da imaxe e copyright: Jimmy Walker
Explicación: un cúmulo estelar duns 2 millóns de anos de idade arrodeado polas nubes natais de po e gas brillante, M16 tamén é coñecida como a nebulosa da Aguia. Esta fermosa imaxe detallada da rexión inclúe esculturas cósmicas que se fixeron famosas nos primeiros planos do Telescopio Espacial Hubble do complexo de formación estelar. As columnas densas e poeirentas, descritas como trompas de elefante ou Piares da Creación, érguense preto do centro con anos luz de lonxitude pero que se contraen gravitatoriamente para formar estrelas. A potente radiación procedente das estrelas do cúmulo erosiona o material preto dos cumios e, finalmente, expón as novas estrelas incrustadas. Estendéndose desde a crista de emisión brillante á esquerda do centro hai outra columna poeirenta de formación estelar coñecida coma a nebulosa Fada da Aguia. M16 e a nebulosa da Aguia atópanse a uns 7.000 anos luz de distancia, un obxectivo sinxelo para os prismáticos ou telescopio pequenos nunha parte do ceo rica en nebulosas cara a constelación dividida de Serpens Cauda (a cola da serpe).