Galaxias, estrelas e po

NGC7497_Coles_960Créditos da imaxe e copyright: Eric Coles e Mel Helm
Explicación: está atrapada esta galaxia nunha rede de po? Non; está afastada no fondo. Porén, as estrelas picudas e as formas arrepiantes abundan nesta fonda paisaxe cósmica do ceo. O seu campo de vista ben composto cobre máis ou menos unha Lúa chea no ceo cara a constelación Pegasus. Por suposto que as estrelas máis brillantes amosan as puntas de difracción, o efecto ollado habitualmente debido aos apoios dos telescopios de reflexión, e atópanse ben dentro da nosa propia galaxia Vía Láctea. As nubes tenues pero xeralizadas de po interestelar cabalgan por riba do plano galáctico e reflicten vagamente a luz estelar combinada da Vía Láctea. Coñecidas como cirros de elevada altitude ou nebulosas de fluxo integrado están asociadas con nubes moleculares. Neste caso, a nube difusa catalogada coma MBM 54, a menos dun milleiro de anos luz de distancia, enche a escena. A galaxia, enguedellada aparentemente no po, é a espectacular galaxia espiral NGC 7497 a uns 60 millóns de anos luz de distancia. Os propios brazos espirais de NGC 7497, ollados case de canto preto do centro do campo, e os corredores de po repiten as cores das estrelas e po da Vía Láctea.