M83: a galaxia do milleiro de rubís

gendlerM83-New-HST-ESO-S1024Créditos da imaxe: Subaru Telescope (NAOJ), Hubble Space Telescope,
European Southern Observatory Procesado e copyright: Robert Gendler
Explicación: grande, brillante e fermosa, a galaxia espiral M83 atópase a tan só doce millóns de anos luz de distancia, preto do cumio surleste da constelación, moi longa, da Hydra. Os destacados brazos espirais perfilados por corredores de po escuro e cúmulos de estrelas azuis danlle a esta galaxia o seu nome popular, a Tarabela Meridional. Pero as rexións de formación estelar avermelladas que zarrapican os brazos amplos salientados nesta composición en cores relucentes tamén suxiren outro alcume; a galaxia do Milleiro de Rubís. M83, cuns 40.000 anos luz de diámetro, forma parte dun grupo de galaxias que inclúe á galaxia activa Centaurus A. De feito, o propio núcleo M83 é brillante en radiación de raios X, amosando unha alta concentración de estrelas de neutróns e buratos negros que ficaron dun estourido intenso de formación estelar. Esta definida imaxe composta en cor amosa estrelas bicudas da Vía Láctea en primeiro plano e galaxias máis afastadas ao fondo. Os datos da imaxe foron tirados desde o Telescopio Subaru, a cámara Wide Field Imager do Observatorio Europeo Meridional (ESO) e o Hubble Legacy Archive.