A galaxia Sombrero en infravermellos

sombrero_spitzer_1080Créditos da imaxe: R. Kennicutt (Steward Obs.) et al., SSC, JPL, Caltech, NASA
Explicación: este anel flotante ten o tamaño dunha galaxia. De feito, é unha galaxia; ou polo menos parte dunha: a fotoxénica galaxia Sombrero, unha das galaxias máis grandes do achegado cúmulo de galaxias Virgo. A franxa escura de po que agocha a sección media da galaxia Sombrero en luz visual realmente brilla moi forte en luz infravermella. A imaxe superior, mellorada dixitalmente, amosa o brillo infravermello, gravado recentemente polo telescopio espacial Spitzer en órbita, superposto en cores falsas nunha imaxe previa tirada polo telescopio espacial Hubble en luz visual. A galaxia Sombrero, tamén coñecida coma M104, abarca uns 50.000 anos luz de diámetro e atópase a 28 millóns de anos luz de distancia. M104 pode ollarse cun telescopio pequeno na dirección da constelación Virgo.

N.T.: “sombrero”, en castelán no orixinal, fai referencia na lingua inglesa ao sombreiro mexicano.