Caronte: a lúa de Plutón

Charon-Neutral-Bright-Release1024cCréditos da imaxe: NASA, Johns Hopkins Univ./APL, Southwest Research Institute
Explicación: unha rexión no polo norte escura e misteriosa coñecida informalmente coma Macula Mordor fai de pucha neste primeiro retrato en alta resolución de Caronte, a lúa máis grande de Plutón. Captada pola New Horizons preto do seu achegamento máis próximo o 14 de xullo, os datos da imaxe foron transmitidos á Terra o 21 de setembro. Os datos combinados en azul, vermello e infravermello están procesados para salientar as cores, seguindo as variacións das propiedades superficiais cunha resolución duns 2,9 quilómetros. De feito, Caronte ten 1.214 quilómetros de diámetro, máis ou menos a décima parte do tamaño do planeta Terra pero unha barbaridade comparado do propio Plutón: a metade do seu diámetro. Iso convírteo no satélite máis grande en relación ao seu planeta do sistema solar. Esta imaxe destacada do hemisferio de Caronte que mira a Plutón amosa unha vista máis clara dun cinto de fracturas e canóns que aparentemente cinguen á lúa e semellan separar as suaves chairas meridionais do variado terreo setentrional.