Eclipse total lunar sobre o lago Waterton

LunarEclipseWaterton_Takasaka_960Créditos da imaxe e copyright: Yuichi Takasaka / TWAN / www.blue-moon.ca

Explicación: esta secuencia da eclipse lunar total, gravada en abril de 2014, mira ao sur do xeado lago Waterton desde o  Parque Nacional Waterton Lakes en Alberta (Canadá), planeta Terra. A maior parte do horizonte afastado inclúe os cumios do Parque Nacional Glacier (EUA). Unha exposición cada 10 minutos captou a posición da Lúa e a fase de eclipse, mentres se arqueaba de esquerda a dereita, por riba do abrupta liña do ceo e as luces da cidade de Waterton. De feito, a secuencia mide efectivamente uns 80 minutos de duración da fase total da eclipse. Ao redor do ano 270 a. C., o astrónomo grego Aristarco mediu tamén a duración das eclipses lunares; aínda que probablemente sen o beneficio de cámaras e reloxos dixitais. Aínda así, usando a xeometría, concibiu un xeito sinxelo e impresionantemente preciso de calcular a distancia á Lúa, en función do radio do planeta Terra, a partires da duración da eclipse. Esta secuencia de eclipse moderna tamén perfila as posicións sucesivas de Marte por riba e á dereita da Lúa, coa brillante estrela Spica preto do disco lunar avermellado e con Saturno á esquerda e abaixo.

Galería: eclipse total de súper-lúa da noite pasada