Unha paisaxe de Plutón

nh-apluto-mountains-plains-9-17-15Créditos da imaxe: NASA, Johns Hopkins Univ./APL, Southwest Research Institue
Explicación: esta paisaxe sombriza de montañas maxestosas e chairas xeadas espállase cara o horizonte dun mundo pequeno e afastado. Foi captada desde unha altura duns 18.000 quilómetros cando a New Horizons mirou atrás cara Plutón, 15 minutos despois do achegamento máis próximo da nave espacial o 14 de xullo. Á espectacular escena, de ángulo rasante e case no crepúsculo, séguenlle montañas abruptas xa coñecidas popularmente coma montes Norgay no primeiro plano á esquerda, e montes Hillary ao longo do horizonte, abrindo camiño ao suave Planum Sputnik á dereita. As capas da tenue atmosfera de Plutón tamén se desvelan na imaxe retroalumeada. O terreo glacial, cunha aparencia estrañamente familiar, probablemente inclúa tamén xeos de nitróxeno e monóxido de carbono con montañas de xeo de auga erguéndose ata 3.500 metros. Iso é comparable coa altura das montañas maxestosas do planeta Terra. Esta paisaxe plutoniana ten 380 quilómetros de diámetro.