O Triángulo de Pickering no Veo

PickeringsTriangleDet5_metsavainio1024Créditos da imaxe e copyright: J-P Metsävainio (Astro Anarchy)
Explicación: estes filamentos, con aparencia caótica, de gas brillante impactado e roto que atravesa o ceo do planeta Terra cara a constelación de Cygnus, forman parte da nebulosa do Veo. A propia nebulosa do Veo é un gran remanente de supernova, unha nube en expansión nada da explosión mortal dunha estrela masiva. A luz da explosión orixinal de supernova probablemente chegou á Terra hai uns 5.000 anos. As ondas de choque interestelar, creadas no evento cataclísmico, ábrense paso polo espazo varrendo e excitando o material interestelar. Os filamentos brillantes realmente son coma ondas de choque interestelar nunha follla que se ollan case de canto, moi ben separadas no interior do brillo dos átomos de xofre e hidróxeno ionizados que se amosan en verde e vermello, mailo osíxeno en tons azuis. Tamén coñecida coma o bucle do Cisne, a nebulosa do Veo abarca agora case 3 graos ou unhas 6 veces o diámetro da Lúa chea. Este campo de visión, que se traduce nuns 70 anos luz á súa distancia estimada de 1.500 anos luz, abarca menos ca un terzo esa distancia. O complexo de filamentos, identificado coma o Triángulo de Pickering por un director do Observatorio de Harvard College e catalogado coma NGC 6979, podería ser coñecido máis axeitadamente como a Mecha Triangular de Williamina Fleming.