Arp 159 y NGC 4725

Arp159_LRGB_Leshin1024Créditos da imaxe e copyright: Stephen Leshin
Explicación: estrelas con puntas e galaxias raras enchen esta instantánea cósmica, unha imaxe telescópica da ben enfeitada constelación Coma Berenices. As estrelas, brillantes abondo para amosar as puntas de difracción, están no primeiro plano da escena, ben dentro da nosa propia Vía Láctea. Pero as dúas galaxias destacadas sitúanse ben lonxe de nós, a uns 41 millóns de anos luz de distancia. A galaxia máis pequena e retorta á esquerda, tamén coñecida coma NGC 4747, é a entrada número 159 do “Atlas Arp de Galaxias Raras”, con amplas colas de marea que indican as fortes interaccións gravitatorias do seu pasado. Cuns 100.000 anos luz de diámetro, a súa probable compañeira da dereita é a moito máis grande NGC 4725. Nunha primeira ollada, NGC 4725 semella ser unha galaxia espiral normal, coa súa rexión central dominada por unha luz amarelada das estrelas frías e máis vellas, deixándolle o camiño aos cúmulos de estrelas máis novas, azuis e quentes ao longo dos arrabaldes espirais poeirentos. NGC 4725 aínda semella un pouquiño máis rara co seu único brazo espiral.