Meteoros e Vía Láctea sobre o monte Rainier

PerseidsMtRanier_Dieterich_1080Créditos e copyright: Matthew Dieterich
Explicación: a pesares das aparencias o ceo non está a caer. Porén, hai dúas semanas, anaquiños de po cometario si que o facían. Aquí publícase a chuvia de meteoros das perseidas tal e como se captou sobre o monte Rainier, Washington, (EUA). A imaxe creouse a partires dun vídeo secuencia de dúas horas, atrapando uns 20 meteoros, incluíndo un que brillou de xeito espectacular á esquerda da imaxe. Aínda que cada ronsel meteórico normalmente dura menos ca un segundo, a cámara foi quen de capturar as súas progresións de cor mentres se desintegraban na atmosfera da Terra. Aquí, a cor inicial verde pode ser indicio de pequenas cantidades de átomos de magnesio brillantes do meteoro que foron batidos por átomos da atmosfera terrestre. Para rematar as cousas, a franxa central da nosa galaxia da Vía Láctea fotografouse simultaneamente erguéndose dereitiña por tras do cumio cuberto de neve do monte Rainier. Agárdase outra boa chuvia de meteoros a mediados de novembro, cando os refugallos dun cometa diferente crucen a Terra como as leónidas.