Os cúmulos xigantes dobran e rachan as imaxes

cl0024images_hst_960
Créditos da imaxe: NASA, ESA, H. Lee e H. Ford (Johns Hopkins U.)
Explicación: que son eses estraños obxectos azuis? Moitas das imaxes azuis máis brillantes son dunha soa galaxia con forma de anel, estraña, azul, con doas, que xusto fica aliñada por tras dun cúmulo xigante de galaxias. Aquí, as galaxias do cúmulo aparecen normalmente en amarelo e, xunto coa materia escura do cúmulo, actúan coma unha lente gravitatoria. Unha lente gravitatoria pode crear varias imaxes de galaxias do fondo, análogas aos moitos puntos de luz que se ollarían mentres se mira ao través dun vaso de viño a unha farola afastada. A forma distintiva desta galaxia do fondo, que probablemente estea a formarse, permitiu aos astrónomos deducir que ten imaxes separadas nas 4, 10, 11 e 12 dun reloxo, desde o centro do cúmulo. Unha mancha azul preto do centro do cúmulo probablemente sexa outra imaxe da mesma galaxia do fondo. En total, unha análise recente postulou que se poden albiscar polo menos 33 imaxes de 11 galaxias do fondo diferentes. Esta espectacular foto do cúmulo de galaxias CL0024+1654 foi tirada desde o Telescopio Espacial Hubble en novembro de 2004.