Espectros desde o espazo

ISS044-E-45576_1024Créditos da imaxe: NASA, Expedición 44
Explicación: unha Lúa vella e as estrelas de Orión erguíanse por riba do horizonte leste o 10 de agosto. O minguante da Lúa aínda brillaba abondo para estar sobreexposta nesta instantánea tirada desde outro gran satélite do planeta Terra, a Estación Espacial Internacional. Unha luminescencia verdecente perfila a atmosfera sobre o limbo da noite do planeta. Por baixo, as luces das cidades e os alustros das tormentas aparecen sobre o México meridional. A toma tamén captura a aparición dunha forma rara de lóstregos da atmosfera superior, un gran espectro vermello collido por riba dun flash dun alustro no extremo dereito. Mentres o movemento orbital da estación espacial fai que as luces da cidade se emborronen e deixen un ronsel durante a exposición, o flash extremadamente breve do espectro vermello aparece definido. Aínda que agora se sabe que están asociados coas tormentas, moito dos espectros segue a ficar un misterio incluíndo como ocorren, o seu efecto no circuíto eléctrico atmosférico global e se están relacionados dalgún xeito con outros fenómenos de lóstregos da atmosfera superior coma os chorros azuis ou os flashes gamma terrestres.