Aneis ultravioleta de M31

Os aneis ultravioleta de M31Créditos da imaxe: GALEX, JPL-Caltech, NASA
Explicación: a tan só 2,5 millóns de anos luz de distancia a galaxia Andrómeda, tamén denominada M31, realmente está na porta do lado das grandes galaxias. Tan achegada e abarcando uns 260.000 anos luz, ao telescopio do satélite Galaxy Evolution Explorer (GALEX) levoulle 11 imaxes de campo diferentes producir este retrato excepcional da galaxia espiral en luz utravioleta. Mentres os seus brazos espirais destacan nas imaxes de luz visible de Andrómeda, os brazos parécense máis a aneis na imaxe en ultravioleta do GALEX, unha visión dominada pola potente luz que procede das estrelas masivas, novas e quentes. Os aneis, como lugares de intensa formación estelar, téñense interpretado coma unha evidencia de que Andrómeda colisionou coa súa veciña máis pequena, a galaxia elíptica M32, hai máis de 200 millóns de anos. A gran galaxia Andrómeda maila nosa propia Vía Láctea son os membros máis masivos do grupo de galaxias locais.