Galaxia NGC 7714 trala colisión

ngc7714 trala colisiónCréditos de imaxe: NASA, ESA. Agradecementos: A. Gal-Yam (Weizmann Inst.)
Explicación: está esta galaxia a choutar a través dun anel xigante de estrelas? Non é probable. Aínda que a dinámica exacta por tras da imaxe publicada aínda non está clara, o que si é claro é que a galaxia fotografada, NGC 7714, foi estirada e perturbada por unha colisión recente cunha galaxia veciña. Esta veciña máis cativa, NGC 7715, localizada fóra e á esquerda do cadro que se amosa, pénsase que cargou directamente contra NGC 7714. As observacións indican que o anel dourado fotografado está composto de millóns de estrelas de tipo solar que están a moverse, probablemente, de xeito solidario coas estrelas máis azuis do interior. En contraste, o centro brillante de NGC 7714 parece estar baixo os efectos dun estoupido de formación de estrelas novas. NGC 7714 localízase a uns 100 millóns de anos luz de distancia na dirección da constelación dos Peixes (Pisces). As interaccións entre estas galaxias probablemente comezaron hai uns 150 millóns de anos e deberían continuar durante varios centos de millóns de anos máis, despois do que poida que resulte unha soa galaxia central.

APOD en retrospectiva: galaxias raras e interaccionando