Imaxe do sobrevoo da lúa esponxa Hiperión de Saturno

A lúa esponxa de Hiperión de Saturno, sobrevoada Créditos da imaxe: NASA, JPL-Caltech, SSI
Explicación: por que semella esta lúa unha esponxa? Para investigalo mellor, a NASA maila ESA enviaron á nave espacial automática Cassini que orbita a Saturno a pasar a fume de carozo pola lúa Hiperión de Saturno, de novo, a comezos desta semana. Unha das imaxes transmitida á Terra está publicada máis enriba, en cru e sen procesar. Visible, tal e como se agardaba, hai moitos cráteres de estraña forma cun material escuro raro no fondo. Aínda que Hiperión abarca uns 250 quilómetros, o seu pequeno tirón gravitatorio sobre a Cassini indica que na súa maior parte é espazo baleiro e por iso ten unha gravidade superficial moi baixa. Por tanto, pénsase que as formas raras de moitos dos cráteres de Hiperión resultaron dos impactos que primeiro comprimiron e expulsaron material superficial; en vez dos cráteres redondos máis normais que aparecen trala onda de choque circular que redistribúe explosivamente o material da superficie. Cassini está no camiño doutro sobre voo de Dione de Saturno nunhas dúas semanas.